
A evidencia científica é unha das pedras angulares nas que se asenta a medicina moderna. Isto non sempre foi así: durante anos empregáronse tratamentos médicos sen comprobar previamente a súa eficacia e seguridade. Algúns foron efectivos, aínda que moitos tiveron resultados desastrosos.
Non obstante, na época da historia da humanidade na que máis coñecementos científicos se acumulan, existen aínda pseudo-ciencias que pretenden pasar por disciplinas próximas á medicina e chegar aos pacientes sen demostrar ningunha efectividade nin seguridade.
Os asinantes deste manifesto, profesionais sanitarios e doutras ramas da ciencia, xornalistas e outros, somos conscientes de que a nosa responsabilidade, tanto legal coma ética, consiste en achegar o mellor tratamento posible aos pacientes e velar pola súa saude.